A praia fluvial de Ponte Caldelas xa loce a bandeira azul e está adaptada ás esixencias da Covid-19
Por
A Bandeira Azul xa ondea na praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, despois de que este mércores 1 de xullo se realizara un acto formal de izado.
Todos os bañistas que se acheguen a partir deste 1 de xullo poderán ver o distintivo e tamén unha lona cun decálogo de recomendacións para a protección da saúde no uso da praia fluvial con motivo da Covid-19.
Ademais, o Concello indica que a área de esparcemento e a zona de baño están "perfectamente limpa e acondicionada", pois nos últimos días realizouse a limpeza e acondicionamento xeral de toda a zona, incluíndo a reparación das pasarelas, bancos e elementos de madeira da contorna.
A bandeira ondea desde este mércores despois dun acto de izado no que participaron o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; os concelleiros Jose Manuel Martínez, Pepe Garrido e Leticia Rocha; o presidente de Coempo, Suso Peleteiro; o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, Lino Mariño; os técnicos municipais encargados da tramitación da Bandeira Azul e os tres socorristas que durante todo o verán velarán pola seguridade dos usuarios da praia fluvial.
O distintivo que outorga anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) ás praias de toda España ondeará na praia fluvial ata o 15 de setembro.
A este máximo recoñecemento súmase o Sendeiro Azul, un distintivo que premia a calidade das sendas que parten das praias con distintivo Bandeira Azul. Neste caso, o Sendeiro Azul parte da Praia da Calzada e acompaña ao Río Verdugo.