VÍDEO.- Javi Gómez Noya, da cama a correr pola cidade
Por Alejandro Espiño
Levantándose da cama, poñendo a roupa para adestrar e saíndo a correr directamente á rúa. Esta é a forma na que Javier Gómez Noya demostra que as rúas de Pontevedra son como a súa casa. Así, o campión do mundo de tríatlon súmase á campaña municipal do Efecto PO2.
O vídeo, que se estreou este venres nas redes sociais do Concello, gravouse nun set preparado na Praza de España.
Nel, tras soar o espertador, Gómez Noya levántase da cama, ponse a camiseta coa que adoita adestrar pola cidade, viste as súas zapatillas e sae a correr directamente desde o seu cuarto cara o centro histórico.
Con esta gravación, a campaña pretende demostrar como en Pontevedra a rúa, as prazas, o espazo público é a extensión da vivenda de todos os veciños e veciñas da cidade.
De aí, incídese na necesidade do seu coidado, do seu mantemento e de que poida ser gozado por todas as persoas en igualdade de oportunidades, sexa cal sexa a súa condición.