As obras de canalización de Mourente obrigarán a restrinxir o acceso a Os Areás a próxima semana
Por Redacción
As obras de abastecemento da parroquia de Mourente avanzan a bo ritmo e na vindeira semana atravesarán a N-531 (estrada de Ourense) para instalar a canalización cara os lugares do Monte e dos Areás. Segundo informa o Concello, para facer este tramo é preciso restrinxir o tráfico no acceso ao lugar dos Areás dende a estrada de Ourense.
O peche do acceso rodado (só se autorizará o paso a residentes e servizos) será dende o luns 13 de xullo ata o venres 17 de xullo, dende primeira hora da mañá, para poder instalar a canalización principal na zona.
Na parroquia de Mourente o Concello de Pontevedra, a través da concellaría do Ciclo da Auga, vai executar tres proxectos de abastecemento cun orzamento total de 6.393.498,70 euros para dar servizo a 916 vivendas da parroquia, o que supón 7.564 euros por vivenda.
O proxecto que se está executando nestes momentos é o da saída 1 do depósito de Castro Senín, que dá servizo a 610 vivendas e ten un orzamento de 4.614.231,28 euros. Dará auga aos lugares de Condesa, Eirós, Carabelos, Cons, O Pazo, Igrexa, A Bouza, Areás, O Monte, Casas Novas, A Raxeira, Mourente e Freixeiro. Este é o tramo que agora obrigará a pechar ao tráfico o acceso aos Areás dende a N-531.
O segundo dos proxectos é o da saída 2 do depósito de Castro Senín cun orzamento de 1.470.637,96 euros e un prazo de execución de 12 meses. Neste tramo darase servizo a 238 vivendas, 3 naves e 2 locais comerciais, correspondentes aos lugares de O Monte, Casas Novas, San Amaro, Vilaverde, Montecelo, A Barcia, Ría de Abaixo, Santa Margarida, Cons, As Laxiñas, Valdecorvos, Moldes, Pardesó, Freixeiro e Mourente.
Por último, o terceiro proxecto para completar o abastecemento da parroquia de Mourente, é o da saída da ETAP Lérez cun orzamento de 308.629,46 euros e un prazo de execución de 4 meses. Dará servizo a 63 vivendas dos lugares de Monte Porreiro, Areás, Vilaverde, O Monte e Os Campos.
Na actualidade, dos 58.115.571,31 euros do contrato da auga para o abastecemento e saneamento no rural, están en execución 33.994.850,59 euros e en licitación aproximadamente 23 millóns.
Relacionadas:
-
A rede de auga potable para o Gran Montecelo estará rematada en abril
Por Alejandro Espiño |
-
1,6 millóns de euros para dotar de saneamento a 43 vivendas da parroquia de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Aproban dous proxectos por máis dun millón de euros para levar o saneamento a 52 casas de Salcedo e 14 de Lourizán
Por Natalia Puga |
-
Proxectan conectar os 'Xeves' coas ribeiras do Lérez, O Pontillón e Bora cunha rede de sendas fluviais
Por Redacción |
-
Comezan as obras para ampliar os accesos á igrexa de San Andrés de Xeve
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Mourente reclaman á Xunta a apertura urxente de negociacións sobre os terreos de Montecelo
Por Oskar Viéitez |