Sete casos seguen activos por COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Sen novos contaxios nin recuperados entre os infectados. A evolución da COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantívose sen cambios nas últimas 24 horas, polo que sete casos seguen activos, un deles un paciente hospitalizado en Montecelo.
Este paciente, segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, está ingresado en planta do Hospital Montecelo mentres que o Hospital do Salnés e o QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra seguen sen hospitalizados. Non hai ningún paciente en área de coidados críticos.
Este hospitalizado é un caso importado que acabou ingresado, mentres que os outros seis casos activos permanecen en seguimento domiciliario.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 238. Deles, 26 son da área da Coruña, 171 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 14 da área de Vigo, 15 da de Santiago e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 231 nos seus domicilios. Por agora, en Galicia hai un total de 10.979 persoas recuperadas da COVID-19, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 223.514 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 238 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Pontevedra, sen novos positivos por COVID-19 por segundo día consecutivo
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria suma un novo caso activo de coronavirus e alcanza os sete
Por Natalia Puga |
-
Un paciente ingresado en Montecelo eleva a seis os casos activos por coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco casos activos de coronavirus na área sanitaria, un máis que o sábado
Por Natalia Puga |