Os recibos en Poio xa se poden pagar a través da sede electrónica do Concello
Por Redacción
Desde o pasado 1 de xullo xa está operativa na sede electrónica do Concello de Poio a nova pasarela a través da cal os veciños teñen a posibilidade de efectuar os pagamentos de recibos de xeito telemático.
O pagamento de recibos derivados das liquidacións de taxas e prezos que se fagan no consistorio deberán efectuarse de xeito exclusivo a través dos recibos normalizados que se emitan polo departamento de Tesourería.
Entre outros, deberán empregarse estes recibos para cobros como o Icio e as taxas de Urbanismo, os prezos pola realización de cursos de Promoción Económica, as taxas pola ocupación de dominio público ou pola celebración de vodas e as multas de tráfico.
Os pagamentos poderán efectuarse de xeito telemático, grazas a esta pasarela da sede electrónica, ou ben nas oficinas de Abanca.
Os abonos correspondentes aos prezos das actividades de Servizos Sociais ou polo uso de instalacións deportivas seguirán cobrándose como ata o de agora.
O Concello está a traballar tamén na posta en marcha na propia sede electrónica dun sistema de autoliquidación para que os propios contribuíntes poidan obter e pagar de xeito telemático os seus recibos, sen ter que realizar estas xestións de xeito presencial na casa consistorial.
O edil de Facenda, Xulio Barreiro, recorda ademais que o pasado 26 de xuño o Boletín Oficial da Provincia publicou a aprobación inicial das ordenanzas reguladoras da taxa por recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos a través da cal se impulsa unha redución do 100% para os negocios e autónomos que pecharon polo estado de alarma.
Esta modificación debe cumprir un prazo de exposición pública de 30 días antes da súa aprobación definitiva. A medida non entrará en vigor ata agosto.
Relacionadas:
-
O Pleno de Poio aproba por unanimidade as medidas económicas para os negocios afectados pola covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
O martes aprobaranse bonificacións a autónomos de Poio que certifiquen a inactividade no confinamento
Por Redacción |
-
Un pleno extraordinario aprobará a bonificación total do recibo do lixo dos comercios inactivos durante o confinamento
Por Redacción |