Activan os protocolos anti Covid-19 ao chegar 13 peregrinos con febre ao albergue de Vilanova
Por Natalia Puga
Varios peregrinos de orixe portugués que estaban a facer o Camiño de Santiago chegaron este xoves ao albergue de Vilanova de Arousa con febre e, unha vez detectada a situación, activáronse os protocolos preventivos por se algún fose positivo para coronavirus. Finalmente, todo quedou nun susto e todos deron negativo.
Segundo a información facilitada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os peregrinos chegaron sobre as 17.00 horas al albergue tras realizar un tramo do Camiño de Santiago e, unha vez alí, tras tomarlles a temperatura, detectouse que varios deles presentaban febre, de modo que se chamou ao alcalde da localidade, Gonzalo Durán, médico de profesión, e ao 061.
Os técnicos asistenciais do 061 contactaron coa Xerencia da área sanitaria e activáronse todos os protocolos. Ademais, dado que os peregrinos eran de fóra de Galicia, desde o teléfono habilitado pola Xunta de Galicia para os visitantes déuselles cita telefónica no PAC de Vilagarcía de Arousa, desde onde persoal facultativo contactou inmediatamente con eles.
Trece dos camiñantes presentaban síntomas compatibles coa Covid-19 e realizóuselles unha solicitude para descartar coronavirus. Así mesmo, presentouse no albergue un dos equipos extractores e tomoulles mostras que posteriormente foron enviadas ao Servizo de Microbioloxía do Hospital Provincial de Pontevedra.
Ás once da noite, seis horas despois da alerta, determinouse, nunha primeira valoración, que as probas eran todas negativas para coronavirus. A primeira hora deste venres, os resultados negativos validáronse.
Relacionadas:
-
Unha comida familiar con dúas persoas chegadas de Madrid, posible foco de contaxio do médico de Baltar
Por Natalia Puga |
-
Os hospitais da área sanitaria volven estar libres de Covid-19
Por Natalia Puga |
-
O positivo por Covid-19 dun médico activa o protocolo para rastrexar contactos e desinfectar o centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, sen novos positivos por COVID-19 por segundo día consecutivo
Por Alejandro Espiño |