Os edificios principais da Deputación contarán cunha sala de lactancia

Por Redacción
Esta semana está previsto que se inicien as obras para habilitar tanto no edificio do Pazo da Deputación provincial como no edificio administrativo situado na avenida de Montero Ríos un novo espazo destinado a sala de lactación.
Carmela Silva, presidenta da Deputación, anunciaba esta medida afirmando que é un avance no camiño da igualdade e da conciliación laboral familiar cunha aposta polos dereitos laborais. Sinalou que tanto as traballadoras da Deputación como as persoas que realicen xestións na institución provincial poderán utilizar este espazo para dar de mamar aos menores durante un período máximo de trinta minutos ao día.
Estableceuse un protocolo de utilización desta sala. Será por quendas e a zona contará con acceso aos servizos sanitarios, con carteis informativos e cun control por parte do servizo de prevención para garantir a limpeza, a desinfección do bo uso. "A sala poderá ser usada en cada quenda por unha nai durante 30 minutos ben sexa para dar o peito, quitar o leite ou dar o biberón", afirmou Carmela Silva. Terá tamén un refrixerador que poderá ser empregado polas nais que accedan no caso de que teñan que gardar o leite.
A presidenta provincial indicou que é a primeira Deputación en Galicia que adopta esta medida e a segunda en España, despois da de Badaxoz. En canto a outras institucións indicou que na provincia, a pioneira fora a Universidade de Vigo, pero poucos organismos desenvolveron esta iniciativa que, se non xorden problemas, estará en funcionamento a partir de setembro nos dous edificios da institución provincial.