Volven as Depoandainas post Covid-19 e este luns podes inscribirte
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra recupera as Depoandainas, o programa gratuíto que ten por obxectivo fomentar hábitos de vida saudable e a promoción do turismo.
Este verán, a iniciativa, que ten sufrido variacións por mor da Covid-19, oferta tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade, e que contarán con 200 prazas cada unha.
Este luns 20 de xullo ábrese o prazo de inscrición para o primeiro dos itinerarios, que percorrerá o 9 de agosto a Ruta dos Muíños da Fraga en Moaña. As persoas interesadas en asistir poden anotarse a partir das 9 horas na web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas.
Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, remata o 3 de agosto ás 12 horas.
A Ruta dos Muiños da Fraga é unha camiñada de 9,7 quilómetros de itinerario circular e dificultade media. Coas novas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, os participantes deberán desprazarse ao punto de partida da ruta, onde se lles asignará un monitor e un grupo. Estes serán reducidos, cun máximo de 25 persoas.
A seguinte ruta será o 30 de agosto pola Fervenza de Callobre, no concello da Estrada. Para esta andaina, as inscricións abriranse o 10 de agosto e o prazo pecharase o día 24 ás 12 horas.
O último itinerario será o 20 de setembro polo Sendeiro das Fragas e Levadas do río Calvo e Deva, no concello da Cañiza. Neste caso, a apertura do prazo para anotarse comezará o 31 de agosto e pecharase o 14 de setembro ás 12 horas.