Interceptado sobre un patinete non regulamentario, falando polo móbil e circulando pola beirarrúa
Por Redacción
Un mozo de 17 anos foi denunciado pola Policía Local por circular coa cidade cun patinete non regulamentario, falando por teléfono e circulando pola beirarrúa.
Os feitos sucederon sobre as seis da tarde do pasado 14 de xullo, na avenida Josefina Arruti en dirección á Rúa da Estación. Os axentes sospeitaron do tipo de vehículo sobre o que ía circulando o rapaz, xa que tiña asento e estaba dotado dunha gran batería.
Cando lle deron o alto, os axentes comprobaron que non se trataba dun patinete eléctrico, senón que se asemellaba a un ciclomotor de dúas rodas pertencente á categoría L1e.
Ante estes feitos, os axentes municipais procederon á inmobilización do vehículo e á tramitación das correspondentes denuncias por infraccións en materia de seguridade viaria.
Para evitar confusións con respecto a este tipo de vehículos, a Policía Local recorda que os coñecidos como VMP (vehículos de mobilidade persoal) están dotados dunha única praza e están propulsados exclusivamente por motores eléctricos que poden proporcionar ao vehículo unha velocidade máxima comprendida entre 6 e 25 quilómetros por hora.
Só poden ter un asento se están dotados de sistema de auto-balanceo e, na actualidade, só poden circular pola calzada e deben respectar as normas de tráfico. Non poden ir polas beirarrúas, non se pode utilizar dispositivos de son e o seu condutor está suxeito ás probas de drogas ou alcol.
No caso particular deste vehículo que foi inmobilizado pola Policía Local de Pontevedra corresponde ao grupo de "vehículos ilegais" xa que carece de homologación pola comunidade europea e o seu uso limítase a espazos privados e non poden circular, en ningún momento, por vías públicas
Moita xente, por descoñecemento, adquire este tipo de vehículos coa convicción de que o seu uso en vías públicas é legal, polo que a desde a Policía Local de Pontevedra aconsellan preguntar ao vendedor as limitacións do seu uso e responsabilidade.