A mellora dos núcleos de Casal do Río e Lusquiños estará rematada a principios de 2021

Por Alejandro Espiño
A empresa pontevedresa Oresa será a encargada de executar as obras para crear o núcleo de centralidade parroquial de Tomeza. Trátase dun proxecto financiado con fondos europeos e que prevé actuacións en Casal do Río e nas inmediacións do local social de Lusquiños.
En concreto, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, o Concello pagará 466.464 euros á empresa, un prezo moi por baixo do prezo de licitación, que superaba os 588.000 euros.
Oresa terá un prazo de cinco meses para realizar as obras, polo que o Concello estima que este núcleo de centralidade estea operativo a principios de 2021.
Segundo consta no proxecto, en Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas reformando o peche perimetral, ordenando as pistas e instalando o mobiliario preciso, entre outros elementos, con porterías e canastras.
Tamén está contemplado reformar a zona de recreo coa instalación de espazos de merendero e o acondicionamento da parcela arborizada, diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.
Na contorna do local social de Lusquiños, pola súa banda, tamén se mellorará o peche perimetral e pavimentarase o acceso con usos diferenciados: haberá un acceso peonil ao centro cultural e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos.
Ademais, aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha costa.
O proxecto inclúe a mellora da parte baixa da parcela con zabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira e mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela.
Esta actuación era moito máis ambiciosa e incluía tamén melloras en San Pedro e San Cibrán, pero estas dúas intervencións foron rexeitadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, que obrigaba a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura.
Relacionadas:
-
Una senda peonil unirá os núcleos de centralidade de Casal do Río e Lusquiños
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Impulsan obras en todas as parroquias do rural a partir da semana que vén
Por Alejandro Espiño |
-
Sete empresas optan a crear o núcleo de centralidade de Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
San Cibrán queda sen romaría pero segue espantando o 'meigallo'
Por María José Pita |
-
Patrimonio non autoriza o proxecto para mellorar o ámbito de San Cibrán
Por Redacción |