Identifican a dirixentes de CC.OO pegando carteis en espazos públicos de Sanxenxo
Por Redacción
Seis persoas, entre elas os dirixentes de Comisións Obreiras José Luis García Pedrosa e José Ramón Piñeiro, foron identificadas pola Policía Local de Sanxenxo por pegar carteis en espazos públicos do municipio, unha actividade que non está permitida.
Os feitos, segundo informou o Concello de Sanxenxo, producíronse entre as once da noite e a unha da madrugada cando dúas patrullas localizaron a dous grupos de tres persoas colocando estes carteis, que contiñan mensaxes críticas co alcalde, Telmo Martín.
Segundo a versión municipal, todos eles negáronse a deixar de colocar os carteis a pesar de que a Policía Local requiriullo ata en catro ocasiones.
O informe policial recolle que ademais de desobedecer a orde, negáronse a identificarse e chegaron mesmo a retar aos axentes.
"Este é un concello policial e non dan permisos para isto. Nós imos seguir pegando carteis e hai outro grupo pegando carteis por outra zona", tería manifestado Pedrosa, segundo recolle o informe policial, cando se lle informou do incumprimento do regulamento de protección do medio ambiente que impide a colocación de carteis na vía pública.
En concreto, os axentes contabilizaron ata 142 carteis en mobiliario e muros públicos da zona da Florida e tamén se localizaron en Baltar, a praza de abastos de Portonovo, en Viña da Fonte e en contedores da rúa Castelao.
Os autores enfróntanse a multas que poden ir de 601 a 30.000 euros por incumprimento do regulamento municipal e desobediencia á autoridade.
O goberno local rexeita este tipo de comportamento " incívico" contra o mobiliario urbano e considera que estes actos responden a un "modelo sindicalista trasnoitado" que non comparte, segundo o Concello, o outro sindicato que participa nas concentracións e protestas que se organizaron legalmente nas últimas semanas.