O PP afirma que o goberno local é o "único culpable" da situación das emerxencias en Poio
Por Oskar Viéitez
A concelleira do Partido Popular, Rocío Cochón afirmou este xoves que "despois de 25 anos na alcaldía, Luciano Sobral, o BNG e os seus socios son os únicos culpables de que Poio non teña un servizo axeitado de emerxencias".
A reacción dos populares xurde despois de que o Concello de Poio instase á Xunta de Galicia a que revise o actual mapa de Emerxencias, "cuxa distribución depende exclusivamente da administración autonómica e que motivan que o municipio forme parte da área de actuación do Parque de Bombeiros do Salnés".
O alcalde insistiu en que a competencia de emerxencias depende da Consellería de Presidencia.
Pola contra, Rocío Cochón acusa ao goberno local de "difundir información falsa" e sostén que as competencias sobre emerxencias e bombeiros "son claras, están na lei e establecen que as competencias en materia de emerxencias son dos Concellos, e naqueles de menos de 20.000 habitantes deberá prestalas a Deputación cando os municipios non o fagan".
Os populares aconsellan ao goberno local que pida un convenio a Pontevedra ou esixa cambios á Deputación, "todo o demais son contos", rematou Cochón.