Patrimonio abre expediente ao Concello polas escaleiras ao río desde O Burgo pero avala a reforma da ponte
Por Alejandro Espiño
A reforma da ponte do Burgo, que espertou críticas entre os cidadáns polo uso do formigón para pavimentalo, foi autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que, unicamente, cuestionou parte da intervención realizada nas escaleiras de acceso ao río, na cabeceira norte da ponte.
Así consta no informe asinado pola arquitecta de Patrimonio, que visitou as obras para comprobar que as obras executadas polo Concello coincidían co proxecto presentado.
"As obras executadas na ponte e na súa contorna inmediata poden considerarse recollidas no proxecto autorizado por Patrimonio", sinala a arquitecta no seu informe.
A única excepción, engade a técnico de Patrimonio, son os pequenos chanzos de formigón que se superpoñen sobre as escaleiras polas que se accede ao río, nas inmediacións da gasolineira, e á colocación dunha estrutura metálica entre a escaleira e a lámina de auga.
Dita estrutura, que se colocou de maneira provisional para que os piragüistas accedesen ao río, xa foi retirada hai meses.
Patrimonio deu a súa autorización, por tanto, ao hormigonado da ponte e á substitución das escaleiras de pedra polas bancadas de formigón, segundo consta en toda a documentación existente sobre este proxecto.
Ante esa intervención nas escaleiras, con todo, o organismo dependente da Xunta abriu un expediente informativo o pasado mes de xaneiro, sen que por agora transcendese se esa actuación -corrixida parcialmente- será obxecto de sanción. Segundo a Consellería de Cultura, as dilixencias foron trasladadas ao Concello para que fixeran alegacións que, unha vez recibidas, están a ser analizadas.
Nestas alegacións, os técnicos municipais explicaban que a estrutura metálica denunciada por Patrimonio era unha solución "provisional" para que os piragüistas accedesen ao río e que os chanzos nas bancadas xa estaban recollidos no proxecto "aínda que se variou a súa colocación e axustouse a súa dimensión para cumprir os parámetros da normativa vixente".
O PP LAMENTA A "CHAPUZA" DAS ESCALEIRAS
Desde o Partido Popular advertiron este xoves da existencia deste expediente e o seu portavoz, Rafa Domínguez, lamentou a "chapuza" realizada no acceso ao río ao entender que é unha "aberración urbanística sen sentido nin lóxica".
"Recubriuse con formigón una das infraestruturas portuarias máis antigas da nosa cidade e de Galicia", afirmou Domínguez, que censura que o Concello "siga sen prestar atención aos nosos momentos e atentase de tal maneira contra o patrimonio".
O edil de Obras, Demetrio Gómez, asegurou que ao goberno municipal non lle consta que haxa expedientes abertos contra esta "extraordinaria" actuación pola que, segundo dixo, Patrimonio "nos felicitou" e que, en todo caso, avalaron en todo momento.
"Está exactamente igual do que estaba no proxecto aprobado por Patrimonio", engadiu o concelleiro nacionalista, que lamentou a actitude do PP de "ir en contra" dun proxecto "exemplar" que converte a Pontevedra no "centro" do Camiño Portugués.
A cidade pontevedresa, afirmou Demetrio Gómez, é o municipio que "mellor ten tratado" todo o itinerario do Camiño Portugués ao seu paso polos seus respectivos territorios.
Relacionadas:
-
Grande expectación dos pontevedreses na inauguración lumínica da ponte do Burgo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Esgotadas as prazas dos roteiros sobre a Ponte do Burgo para adultos
Por Redacción |
-
Pontevedra inaugurará o 4 de agosto a renovada ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
Proban como quedará a visión nocturna da ponte do Burgo
Por Redacción |
-
"Finais de xullo", data definitiva para concluír a reforma da ponte do Burgo
Por Redacción |