Dous novos positivos sitúan en 25 os casos activos de COVID-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Ata os 25 casos activos creceu a incidencia da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son dous máis que hai apenas 24 horas. Estes dous novos casos son pacientes que evolucionan no seu domicilio, situación na que se atopan 23 persoas.
Os outros dous positivos están ingresados en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Segundo o balance publicado polo Servizo Galego de Saúde, non hai pacientes nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez. Tampouco en ningunha das UCI da área.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 912 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 280. Deles, 87 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 15 da de Ourense, 25 da de Pontevedra, 48 da área de Vigo, 23 da de Santiago e 2 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 está na UCI, 12 en unidades de hospitalización e 267 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.272 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 250.012 e hai dous casos activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 280 casos positivos na comunidade, dúas son profesionais dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.