A Deputación aproba novas achegas aos concellos de Bueu, Cambados, Meaño, Ponte Caldelas, Portas e Caldas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta este venres dos novos investimentos aprobados pola Xunta de Goberno.
No que se refire ao Plan Concellos, a presidenta explicou que as achegas aprobadas da Liña 1 de Investimentos permitirán aos municipios de Bueu, Cambados e Meaño realizar distintas obras.
Máis polo miúdo, Bueu contará con 112.138 euros para acometer a segunda fase da restauración do Estaleiro de Banda do Río e Cambados terá unha achega de 62.106 euros para a mellora dos servizos urbanísticos da rúa Manuel Murguía. Así mesmo, Meaño contará cunha achega de 73.865 euros para financiar a mellora e pavimentación dos camiños de Coirón a Ganón e de Morouzos a Ganón, así como o camiño Padrenda de Abaixo e varios camiños na parroquia de Lores.
No marco da Liña 3 de Emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a modificación, por reaxustes da Covid19, dunha achega destinada a Ponte Caldelas para contratar a 13 persoas.
PROXECTOS MEDIOAMBIENTAIS
No marco da aposta da Deputación "por unha provincia referenciada no medio ambiente", Carmela Silva destacou dúas iniciativas que beneficiarán aos concellos, en concreto as achegas aprobadas para a substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, que beneficia a concellos coma Portas que renovará as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día e, Caldas de Reis substituirá a da piscina.
Doutra banda, a Deputación vén de renovar o convenio para a retirada de vehículos abandonados que ofrece aos municipios de menos de 50.000 habitantes, un servizo que "non supón coste algún para os concellos" e ao que están xa adheridos 43.
O servizo consiste na recollida destes vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de uso así como o posterior tratamento de descontaminación. Previamente os concellos deben tramitar a súa declaración como residuo sólido urbano.
Carmela Silva explicou que os 43 concellos adheridos terán agora que renovar o convenio, mentres que a Deputación abre a posibilidade agora de que os municipios restantes de menos de 50.000 habitantes poidan sumarse.