Denuncian un local de Vilagarcía no que os clientes compartían cachimbas usando a mesma embocadura
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa denunciou durante a fin de semana un establecemento hostaleiro no que grupos de persoas compartían cachimbas usando a mesma boquilla, acción que, en plena pandemia de coronavirus, conleva un importante risco.
A denuncia forma parte dos controis realizados pola Policía Local esta fin de semana nas zonas de ocio nocturno da cidade, que se saldaron coa presentación de 16 denuncias de diferente temática.
Os axentes detectaron incumprimento das normas hixiénico-sanitarias de prevención da Covid-19 e formalizaron 8 denuncias a outras tantas persoas por non levar a máscara e tamén a este establecemento.
Ademais, a Policía Local detectou incumprimentos en relación cos horarios de peche e exceso de ruídos.
O Concello está a instruír os expedientes que irán acompañados da proposta de sanción que corresponda en cada caso segundo a normativa concreta a aplicar.
Despois de varios avisos e dados os rebrotes e o incremento constante de casos de coronavirus, na maioría dos casos relacionados con celebracións e co ocio nocturno, o Concello xa advertiu a semana pasada que se intensificarían as inspeccións e se elevaría o importe das sancións a impoñer coa finalidade de que se cumpran as normas tan necesarias para frear o avance da pandemia.