O Parque Eguren acollerá o Festival do Kilo na procura de alimentos para doar ao Comedor Benéfico de Marín
Por Redacción
O Voluntariado da caridade de San Vicente de Paul, en colaboración co Concello de Marín, organiza a trixésimo primeira edición do Festival do Kilo, que se desenvolverá o sábado 8 de agosto no Parque Eguren a partir das 20.30 horas. Os alimentos que se recollan irán destinados ao Comedor Benéfico do Voluntariado da Caridade de Marín.
Este luns presentábase no Concello marinense esta nova edición do festival ao que se poden doar alimentos non perecedoiros para este comedor solidario, que conta cun maior número de familias usuarias debido á crise actual.
Para este ano eliminouse o tradicional sorteo de agasallos, que cedían os establecementos comerciais de Marín, porque estes locais tamén están a sufrir os danos económicos. As actuacións previstas durante o evento serán as de Beiramar, que cumpre 35 anos de historia; Manolo e Ramón; Ruada; Manola Vázquez; Manuel Somoza; Pousos da Area; Mar García; Eusebio e D ́Armas Tomar. Todos participan de maneira altruísta co obxectivo de colaborar co Comedor Benéfico.
O Festival desenvolverase atendendo ás medidas sanitarias garantindo a seguridade e a hixiene para evitar calquera risco de infección entre as persoas asistentes, segundo manifestaron durante a presentación os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín; Julio Santos, da Asociación SOR Elvira; e María del Carmen Dapena, do Comedor Social.