Juan Carlos I visitou esta fin de semana Sanxenxo antes de abandonar España
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O rei emérito Juan Carlos I viaxou a pasada fin de semana a Sanxenxo para despedirse dos seus amigos. Desde as Rías Baixas desprazouse ata a localidade portuguesa de Porto desde onde tomou un avión que o trasladou á República Dominicana, segundo informa o xornal ABC.
Este luns coñeceuse que o rei emérito comunicou ao seu fillo, Felipe VI, a súa "meditada decisión" de trasladarse ao estranxeiro "diante da repercusión pública que están a xerar certos acontecementos pasados" da súa "vida privada", en referencia ás informacións publicadas sobre as súas contas en paraísos fiscais.
Tanto a Fiscalía do Tribunal Supremo como a de Suíza están a investigar este caso de corrupción.
Juan Carlos I tamén xustifica a súa saída de España apuntando que tamén é unha medida "para contribuír" a que o xefe do Estado poida desenvolver a súa función "desde a tranquilidade e o acougo" que o cargo require, segundo a carta difundida este luns pola Casa do Rey.
O comunicado difundiuse despois de que Juan Carlos, de 82 anos de idade, xa saíra do palacio da Zarzuela e non aclara o seu destino.
O avogado do rei emérito, Javier Sánchez-Junco, fixo pública unha segunda nota na que asegura que o seu cliente "permanece a disposición en todo momento do Ministerio Fiscal para calquera trámite ou actuación que se considere oportuna".