90 fotografías da Pontevedra confinada poderán verse nas exposicións que se inauguran o luns 10 na Alameda
Por Redacción
O luns 10 de agosto ás 19.00 horas inaugúranse dúas mostras fotográficas na Alameda coa mesma temática: os días de confinamento. Nestas exposicións poderanse ver 90 fotografías relacionadas con situacións vividas durante o estado de alarma.
A mostra 'Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020' recolle as 60 fotografías que participaron no certame organizado pola concellería de Cultura entre as persoas residentes en Pontevedra. Entre elas atópanse 15 imaxes seleccionadas por un xurado especializado, que reflicten o impacto que a aparición da pandemia provocou na cidade.
Autores con idades comprendidas entre os 9 e os 67 anos ofrecen a súa mirada persoal sobre aqueles días de permanencia nos fogares, con fotografías que recollen rúas baleiras e accións solidarias.
Tamén se inaugura no mesmo espazo da Alameda '60 días de alarma', unha selección de 30 instantáneas do fotógrafo Ramón Leiro, profesional que traballa en La Voz de Galicia. Nesta mostra ofrécese a visión da actividade nos balcóns, o traballo de persoas voluntarias en Protección Civil ou a incansable actividade laboral do persoal sanitario ou dos empregados dos supermercados do mesmo xeito que as primeiras saídas de menores para pasear polas rúas da cidade.
Ambas as mostras permanecerán na Alameda durante un mes na contorna natural da Alameda.