Eliminan un punto de vertedura na praia de Banda do Río
Por Redacción
A Xunta de Galicia confirmou este sábado que o Concello de Bueu eliminou nos últimos días un punto de vertedura na contorna da praia de Banda do Río.
O persoal do Plan de Control de Vertidos do ente público Augas de Galicia localizou este punto tras recibir unha notificación de incidencia durante a mostraxe efectuada na zona de baño do citado areal por técnicos da Consellería de Sanidade.
A inspección permitiu detectar que a través do punto de desaloxo dunha rede de augas pluviais ao dominio público marítimo terrestre se producía un aporte irregular de augas residuais fecais.
A Xunta requiriu ao Concello de Bueu a adopción das medidas oportunas para a súa emenda e a administración local, a través da empresa concesionaria do servizo municipal de augas, emendou unha derivación de saneamento a pluviais, así como unha filtración localizada entre as xuntas dun colector de saneamento.
Os técnicos de Augas de Galicia verificaron recentemente a efectividade das medidas adoptadas, que permitiron o cese do vertido.