ENCE advirte a Lores que o seu descoñecemento sobre a factoría "non o autoriza a mentir nin a alarmar"
Por Oskar Viéitez
O Conselleiro Delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, ven de enviarlle unha O Conselleiro Delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, ven de enviarlle unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que lle recrimina "o seu profundo descoñecemento sobre a factoría" e lle advirte que "isto non o autoriza a mentir nin a alarmar". Coa misiva adxunta senllos informes sobre as incidencias rexistradas no Centro de Operacións de Ence en Pontevedra os días 11 e 17 de agosto.
"Como sabe, a primeira incidencia xerou dous episodios olorosos detectados en determinadas zonas da cidade. Este tipo de incidencias que durante anos foron habituais, agora resultan absolutamente extraordinarias. As emisións producidas, que non xeran afeccións respiratorias nin son tóxicas, estiveron moi por debaixo dos límites legalmente establecidos na Unión Europea. Trátase dun incidente que lamentamos e polo que lle pedimos desculpas á cidadanía, pero que en ningún caso pode xerar perigo ningún, que non supuxo incumprimento de norma algunha, e que moito menos facía necesario informar ás autoridades", di Ignacio de Colmenares.
"Entendemos que vostede prefire que a fábrica de Ence peche. Pero iso non o autoriza a mentir nin a alarmar"
En canto o pasado sábado, o Conselleiro Delegado de Ence asegura que "non houbo incidente ningún que puidese xerar impacto oloroso. A emisión visible foi vapor de auga", e engade "aos efectivos do Corpo de Bombeiros explicóuselles a situación cando nos chamaron para interesarse se acontecía algo anómalo na factoría".
Xustifica Colmenares que "a fábrica padecía nese momento un corte de subministración eléctrica e unha circunstancia deste tipo non ten impacto nas emisións olorosas. Tal e como poderá confirmalo calquera especialista, un cero eléctrico é unha anomalía relativamente frecuente en calquera instalación industrial".
De seguido ven a crítica do alto directivo da pasteira,"nos últimos días percibimos un profundo descoñecemento da factoría tanto pola súa banda coma por parte de persoas pertencentes ao seu equipo de Goberno. Dende detalles como o número de empregados de Ence en Pontevedra ata comparacións con outras instalacións industriais que non teñen nada que ver coa nosa. Entendemos que vostede prefire que a fábrica de Ence peche. Pero iso non o autoriza a mentir nin a alarmar".
Con respecto ao número de empregados de Ence en Pontevedra, Colmenares informa que ascende hoxe a 320 empregos directos, "non aos 250 que mencionou en diferentes ocasións nos últimos meses nin os 200 aos que se referiu a semana pasada".
Colmenares maniféstalle ao alcalde a súa "profunda indignación polas mensaxes gravemente alarmistas"
Colmenares maniféstalle ao alcalde a súa "profunda indignación polas mensaxes gravemente alarmistas difundidas onte pola concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva. A comparación das instalacións de Ence coas de Chernobyl ou Brenntag é un atrevemento que só pode ser produto do descoñecemento ou dunha manipulación da información".
E apunta que Ence non alberga substancia ningunha que poida xerar un problema de saúde pública "e moito menos de risco para a cidadanía", e sinala que Chernobyl albergaba material nuclear, polo que dí que "alarmar a poboación establecendo estas comparacións é unha actitude irresponsable que lle fai un fraco favor a Pontevedra e ao sector forestal galego".
"Espero que con estes informes que lle achego queden claras para vostede e o seu Goberno as causas do incidente, así coma as medidas que serán adoptadas por esta empresa para que unha circunstancia deste tipo, molesta para a cidadanía, non volva repetirse, porque o interese de Ence non é outro que seguir mellorando e xerando riqueza en Pontevedra e a súa bisbarra", remata o Conselleiro Delegado, Ignacio de Colmenares para despedirse "atentamente", do alcalde de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Cúmprese medio século dende que Franco inaugurou ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra critica a "confluencia de intereses" entre Ence e o Goberno galego
Por Oskar Viéitez |
-
O sindicato CSI-F en Ence pide a Lores que faga públicas as queixas rexistradas polo último incidente na fábrica
Por Redacción |
-
Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Pontevedra quéixanse dun novo escape en ENCE e a empresa négao
Por Anxo Lourido |