A Banda de Tenorio ofrece en Carballedo a segunda actuación do ciclo de 'Concertos en Familia'
Por Redacción
A Banda de Tenorio vai celebrar este domingo 23, a segunda actuación do seu ciclo de 'Concertos en Familia' na Praza da Chan de Carballedo cun formato máis reducido que conta cos protocolos de seguridade sanitaria e que foi posto en práctica con éxito na estrea desta xira hai dúas semanas na Carballeira do San Xusto.
Este espectáculo ao aire libre, que conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade e que coincide coas datas das canceladas Festas do San Roque e San Antón da capital municipal, vai comezar ás 20:30 horas e será de entrada libre ata completar o aforo de cadeiras instaladas neste espazo.
Dende a Banda de Tenorio explicaron que este ciclo xurdíu a raíz dunha adaptación aos protocolos de distancia e de evitar a excesiva concentración de persoas para protexer a saúde e conter a transmisión de contaxios fronte á Covid-19. Por esta circunstancia, plantéxase que actúen distintas familias de instrumentos de xeito consecutivo para non reunir dunha vez nun mesmo lugar aos preto de 50 compoñentes da banda.
O concerto vaise dividir en dúas seccións, xa que inicialmente actuarán os grupos de clarinetes, logo os de saxofóns e finalmente os de vento-madeira e percusión para dar paso, xa na segunda parte, ao vento-metal, tamén acompañado pola percusión. Así mesmo, está previsto que entre os distintos repertorios se proceda á preceptiva desinfección de cadeiras e atrís, cumprindo así co protocolo da Xunta para este tipo de eventos culturais .
Cómpre sinalar que a selección de temas, despregada nun amplo espazo de 16 por 16 metros, será moi variada e ecléctica, con música propia da banda e orientada a todos os públicos, misturando pasodobres, temas de bandas sonoras e pezas clásicas.
O ciclo de 'Concertos en Familia' da Unión Musical de Tenorio incluirá dous espectáculos máis, que terán lugar o martes 8 de setembro no adro da festa de Tenorio a partires das 20:30 horas e, finalmente, nas Festas do Nadal o 19 de decembro no salón multiusos de Carballedo á mesma hora.