Comezan as obras para mellorar a seguridade na PO-551 entre Bueu e Marín
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa comezou as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-551 entre os concellos de Bueu e Marín.
A actuación supón un investimento de case 1,2 millóns de euros e incluirá construír dúas novas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304 en Marín e mellorar a intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.
Ademais, executarase unha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán, en Bueu, e reforzarase a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes.
O proxecto inclúe a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.
A Xunta de Galicia engadiu melloras no proxecto despois de analizar as alegacións presentadas, entre elas, un cambio de configuración na glorieta de Agrelo, un axuste para reducir ocupación na glorieta de Lapamán e a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no concello de Marín, mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.