Ponte Caldelas pecha o orzamento 2019, que deixa un resultado positivo de 1.036.005 euros
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de pechar as súas contas relativas ao ano 2019 e o alcalde, Andrés Diaz, destaca que o resultado foi positivo e lembra que cando chegou á Alcaldía hai cinco anos "aos veciños non se lle rendían contas" e agora "saben en que se gastan os seus impostos".
A Conta Xeral de 2019 que o servizo de Intervención do Concello de Ponte Caldelas rematou reflicte que o exercicio fiscal contabiliza 1.036.005 euros en positivo, é dicir, que houbo máis ingresos que gastos.
Este documento estará exposto ao público para que todas as persoas que o desexen poidan consultar os ingresos e gastos correspondentes ó ano 2019 do Concello.
Andrés Díaz destaca que a Conta Xeral de 2019 reflicte a "seriedade, responsabilidade e transparencia coa que se xestiona este Concello, lonxe de barullos".