Os positivos continúan en aumento: 13 casos máis na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
Continúa en aumento o número de persoas infectadas por Covid-19 tanto en Galicia como na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Nas últimas horas detectáronse 13 casos positivos máis, que sitúan a cifra de activos nesta zona da comunidade en 218 casos, coa aparición de 20 casos novos.
Desta cifra, catro pacientes Covid permanecen ingresados en planta de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e dous pacientes atópanse na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. 212 afectados evolucionan nos seus domicilios con seguimento sanitario.
Desde o inicio da pandemia, segundo a xerencia do CHUP se curaron 983 pacientes, sete máis que na xornada do sábado, nesta área, onde faleceron 17 persoas.
Nas últimas 24 horas realizáronse 390 novas probas PCR, que se suman ás 27.477 que levan realizado desde o inicio da pandemia.
DATOS DE GALICIA: UN FALECIDO MÁIS
O número de casos activos confirmados en Galicia tamén se incrementa nesta xornada alcanzando os 3.484 pacientes, 190 máis que na xornada do sábado. A esta cifra súmase un falecido máis como consecuencia desta enfermidade, un home de 74 anos que perdía a vida no Complexo Hospitalario da Coruña. Presentaba patoloxías previas..
A Coruña rexistra 1.382 casos, con seis positivos máis e Lugo presenta 675, con 71 enfermos máis que este sábado. Tamén en Santiago se detecta un incremento importante con 67 afectados máis alcanzando os 540 infectados. En Ourense 324 (+24), en Vigo 214 (+5) e en Ferrol sitúanse en 131 (+4).
De todos estes casos 17 atópanse na UCI e 119 hospitalizados, mentres que 3.348 mantéñense nos seus domicilios en corentena. A Xunta de Galicia aprobaba nas últimas horas duras sancións para aquelas persoas que incumpran con estas medidas de corentena e de illamento, así como aqueles casos nos que non se colabore coas autoridades sanitarias.