Feijóo pide ao Goberno central que garanta o emprego de Ence e cifra en 5.000 as familias que viven da pasteira e 80.000 as que viven da madeira
Por Natalia Puga
Pontevedra coouse este martes con certo protagonismo no discurso de Alberto Núñez Feijóo na primeira sesión do debate de investidura que se celebra esta semana no Parlamento de Galicia, no que el se presenta como único candidato para presidir a Xunta de Galicia. Durante as súas dúas horas de intervención fixo referencia á factoría de Ence en Lourizán e ao proxecto do Gran Montecelo.
Feijóo referiuse a Ence á hora de falar da recuperación económica de Galicia tras a "durísima" situación derivada da pandemia, pois considera que "é moi importante que non agravemos os problemas que xa temos" e que "sería totalmente incompatible falar de reconstrución e ao mesmo tempo deixar caer empresa que supoñen miles de postos de traballo".
Así, considera que o Goberno central "debe poñer fin ás incertenzas" xeradas á industria asentada no litoral cunha "parece ser nova lei de costas" e pide que "naza do consenso e da defensa do emprego".
Nesa defensa do emprego sitúa a Ence, que asegura que garante traballo a "5.000 familias directamente e 80.000 que viven da madeira".
Gran Montecelo é un dos seus grandes proxectos en materia de infraestruturas sanitarias para esta lexislatura, na que se propón "completar a renovación integral do Servizo Galego de Saúde".
"Será a lexislatura de finalización dun novo servizo de saúde. O 100% dos galegos terá ao seu lado unha infraestrutura sanitaria pública nova ou renovada”, anunciou, como avance de catro anos nos que a saúde será "unha prioridade" e, entre outros proxectos, anunciou que "transformaremos nun novo hospital público o Hospital de Pontevedra".
O discurso de Feijóo tivo como gran protagonista a pandemia do coronavirus, á que prometeu dar "resposta" xa desde o primeiro día. Recoñeceu que "o que vivimos non é unha crise máis, se a crise de 2008 foi dura, o que está por vir é durísimo" e que ningunha das súas lexislaturas anteriores, nin sequera a primeira na que chegou ao Goberno en 2009 en plena crise económica, presentou "tantísimas necesidades e retos".
Feijóo será reelixido por cuarta vez presidente da Xunta o vindeiro xoves. O debate de investidura suspendeuse durante 48 horas e reiniciarase cos portavoces dos grupos da oposición. Posteriormente, haberá resposta e quenda de réplica e pola tarde realizarase a votación, na que Feijóo sairá elixido grazas á maioría de 42 dos 75 deputados que ten o PP no Parlamento. Xa o sábado 5 será a súa toma de posesión.
Sería totalmente incompatible falar de reconstrución e, ao mesmo tempo, deixar caer empresas que supoñen miles de postos de traballo pic.twitter.com/mOK7xQkMZM
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) September 1, 2020
Relacionadas:
-
A emoción de Feijóo na súa cuarta toma de posesión como presidente da Xunta: "É máis emocionante que a primeira"
Por Natalia Puga |
-
A APDR acusa a Núñez Feijóo de representar os intereses de Ence no Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Rueda acusa o Goberno de "crear alarma" e xerar "inseguridade xurídica" coa modificación da Lei de Costas
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez cualifica como "lamentable" a carta enviada polo alcalde ao presidente do Goberno
Por Oskar Viéitez |