Un apostante do sorteo do Euromillones gaña un millón de euros en Vilagarcía
Por Alejandro Espiño
Vilagarcía de Arousa amenceu este mércores cun novo millonario entre os seus veciños. É unha persoa que, sen dúbida, non esquecerá a data do 8 de setembro. O sorteo do Euromillones celebrado onte á noite, reportoulle un millón de euros.
O premio non ten nada que ver coa combinación gañadora do sorteo, que neste caso foi 2-9-31-35-41 e con 9 e 12 como estrelas. O seu millón corresponde con El Millón, o código que se xera automaticamente ao validar o boleto e que reparte ese premio en cada sorteo.
Iso si, por agora a identidade da persoa agraciada é todo un misterio. "Normalmente adoitamos sabelo porque a xente vén comprobalo aquí, pero non temos nin idea", explica Carlos Cores, responsable da Administración de Loterías número 4 de Vilagarcía, onde se selou o boleto gañador.
"É verdade que hoxe veu moita máis xente, ao saber que tocara aquí, para comprobar se era o seu código o premiado", engade.
O seu despacho, situado en San Roque, parece estar tocado pola deusa fortuna. Nos últimos dous anos entregaron outro millón do Euromillones, case 300.000 euros na Bonoloto e un quinto premio do sorteo do Nadal da Lotería Nacional.
"Afortunadamente está a haber sorte que falta fai", explica o loteiro, que non dubida en apuntar que o premio dado onte á noite "é aínda máis especial despois do ano que levamos".
Carlos Cores espera que este premio axude a incentivar unhas vendas que, como en moitos outros sectores, sufriu o impacto da pandemia da COVID-19.
A venda dos xogos de azar habituais, afirma o responsable desta administración, está "bastante normalizada", pero ao non haber apenas turistas este verán resentiuse a saída de décimos da Lotería de Nadal. "Estaremos expectantes a ver que pasa", conclúe.