Os termómetros alcanzarán os 34 graos durante esta fin de semana nas Rías Baixas
Por Redacción
Galicia continúa baixo a influencia das altas presións durante este venres 11 de setembro. Os ceos van manterse despexados nas Rías Baixas. As temperaturas mínimas ascenden lixeiramente mentres que as máximas se situarán ao redor dos 31 graos. O vento soprará frouxo do nordeste, con réxime de brisas no litoral das Rías Baixas, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Xa o sábado, as altas presións continuarán situadas entre Azores e Galicia. Os ceos seguirán con presenza de nubes de tipo alto que deixarán pasar o sol e as temperaturas ascenderán chegando aos 34 graos nas Rías Baixas. O vento seguirá soprando frouxo do nordeste.
Ao longo do domingo, a comunidade autónoma quedará nunha situación intermedia entre as altas presións situadas sobre Europa central e unha baixa relativa ao oeste de Portugal. Os ceos quedarán parcialmente nubrados. As temperaturas situaranse entre os 20 e os 33 graos con vento que soprará frouxo de dirección variable en xeral.
Ao longo da próxima semana está previsto que entre aire frío nas capas altas e iso supoñerá un aumento progresivo da inestabilidade atmosférica. A probabilidade de choiva será elevada e as temperaturas baixarán para establecerse entre os 14 e os 21 graos.