A Deputación resolverá o problema dos asolagamentos na estrada EP-9402 en Meis
Por Redacción
O tramo da EP-9402 entre Mosteiro e Barrantes no municipio de Meis experimentará unha mellora co novo proxecto aprobado este venres na Xunta de Goberno da Deputación. Trátase dun traballo que demanda a veciñanza desta zona porque todos os invernos sofren inundacións no vial.
A presidenta da institución provincial asinará un convenio co Concello de Meis cun orzamento de preto de 311.000 euros, dos que a Deputación achegará o 70% mentres que as arcas municipais sumarán o 30% restante.
Trátase dun espazo de 250 metros de lonxitude que se convertía nunha lagoa onde se freaban os coches, segundo explicaba Carmela Silva, presidenta provincial. Culpou ao goberno provincial do popular Rafael Louzán por deixar ese tramo sen reforma: "son herdanzas en infraestruturas que despois temos que solucionar. Así que estou realmente moi satisfeita con este convenio", explicaba ao entender que se resolverán as vellas demandas dos residentes en Mosteiro.
Está previsto que se estableza unha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas no núcleo de Mosteiro, mellorarase o firme e tamén se instalará un paso de peóns sobreelevado, dentro das medidas para impulsar a seguridade viaria.
Tamén se canalizarán as augas pluviais e enterraranse as redes eléctricas e de iluminación pública. Con estes traballos compleméntase a obra de mellora acometida a través do Plan de Reequilibrio na praza de España de Mosteiro. Carmela Silva garantiu que así se cumprirán os parámetros provinciais en mobilidade, accesibilidade, ampliación do espazo público e seguridade viaria.