O Concello queixarase a Educación por non construir novos colexios, ao considerar "necesario" Valdecorvos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra trasladará a súa queixa á Consellería de Educación por descartar a construción dun novo colexio en Valdecorvos.
O pasado venres o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, durante unha visita ás obras de reforma do CEIP Froebel, apuntou que "nestes intres en Pontevedra están cubertas todas ás necesidades educativas cos centros existentes", unha afirmación "tramposa" segundo valorou o concelleiro de Educación do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández.
O edil referiuse este luns á redefinición do mapa escolar da cidade, argumentando que "os únicos cambios que houbo foron a redución de efectivos", en concreto, cen profesores menos segundo informou Tino Fernández "pero as necesidades físicas sobre o número de alumnos seguen a existir e non sufriron variacións importantes" polo que concluíu que "tan necesaria é a construción dun novo colexio agora como o era cando o prometeu en sede parlamentaria na lexislatura pasada".
"O que se produxo realmente dende a chegada deste conselleiro e o seu equipo é un desmantelamento progresivo do que é o ensino público en Pontevedra en beneficio do privado", sinalou Agustín Fernández. Para o responsable municipal de educación, a Consellería con esta planificación "esperpéntica" o que pretende é "trasladar aos nenos a colexios alonxados dás súas vivendas" polo que, ao seu xuízo, "non se está a garantir a aceso a educación".
Agustín Fernández insistiu en que "hai unha estratexia desta consellería trazada para favorecer o ensino privado e concertado" e pediu ao Conselleiro que explique cantos nenos quedaron fóra da súa primeira elección de colexio.
Finalmente o Agustín Fernández lamentou que "despois de reiteradas solicitudes de entrevista" non recibiu ningunha resposta por parte do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, polo que responsable municipal de Educación en Pontevedra non fixo achega ningunha ao proxecto de zonificación da capital.
Para o próximo día 2 de setembro está fixada unha comisión de escolarización, de carácter autonómico, onde o Concello poderá trasladar todas as súas queixas e poderanse coñecer os datos de matriculación.