Poio incrementa nun caso o número de positivos durante a fin de semana e sitúase en 30
Por Redacción
O municipio de Poio sitúase en 30 casos activos de Covid-19, segundo os datos que José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, trasladaba ao alcalde Luciano Sobral e a outros concelleiros integrantes do goberno tripartito. Neste encontro online tamén se atopaban representantes doutros concellos da comarca de Pontevedra que se atopan en situación de restrición como Vilaboa.
Esta cifra supón un caso máis dos que o SERGAS notificaba ao Concello o venres 11 de setembro. Segundo Luciano Sobral supón unha tendencia positiva ao rexistrarse só un caso máis durante a fin de semana cando do xoves ao venres da semana pasada pasouse de 14 a 29 positivos dentro do municipio.
O alcalde indicou que a situación segue sendo preocupante e realizou un chamamento á cidadanía para que se respecten as directrices marcadas polas autoridades sanitarias. Poio atópase baixo un protocolo de restricións coa limitación da capacidade dos espazos a un 50%. Na hostalería non se pode utilizar a barra e redúcese a 10 persoas o número máximo de integrantes dunha reunión tanto en zonas públicas como en lugares privados. Ata o momento, a Policía Local de Poio non presentou denuncia por incumprimento desta norma.
O goberno local indica que se están prestando servizos a persoas que se atopan en corentena, como a recollida de lixo a domicilio, ou tamén a persoas maiores para evitar a saída á rúa. A través dos efectivos de Protección Civil realízase accións como a compra de medicamentos.
Tamén se reforzou a limpeza e a desinfección dos espazos públicos. O Concello anuncia a suspensión de eventos culturais, deportivos e festivos durante os próximos días. As persoas que precisen algunha información relacionada coa Covid-19, o Concello pon ao dispor da cidadanía o teléfono 604.037.060.
A próxima reunión coa xerencia para coñecer a evolución da enfermidade no municipio será este mércores 16, despois da reunión de expertos sanitarios. Para esa xornada tamén se convoca á Xunta de Voceiros para trasladar aos compoñentes as actuacións que se teñan que levar a cabo.
Relacionadas:
-
Pontevedra rexistra gromos "numerosos" de COVID-19 por reunións sociais e pacientes cada vez máis novos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contaxios en Pontevedra, disparados: 55 casos positivos por COVID-19 nun día
Por Alejandro Espiño |
-
Campaña da Policía Local de Poio para detectar distraccións ao volante
Por Redacción |
-
Lores pide "responsabilidade" para frear a COVID-19, que alcanza 244 casos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Poio reforza as medidas de seguridade e control
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade establece tamén medidas restritivas en Poio e Vilaboa
Por Redacción |