A bonificación da taxa do lixo polo parón económico durante o estado de alarma solicitárona xa 29 empresas de Poio
Por Redacción
A apertura do prazo para solicitar a bonificación da totalidade da taxa por recollida de lixos posta en marcha polo Concello de Poio para compensar a aqueles negocios que tiveron que cesar a súa actividade durante o estado de alarma acumula xa 29 peticións. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, lembra que o prazo estará aberto ata o día 16 deste mes.
Unha vez concluído o prazo, o Concello procederá a examinar todas as solicitudes para publicar daquela a listaxe de admitidos. Os excluídos dispoñerán de cinco días para presentar alegacións. Cando se resolvan todos os expedientes, o Concello encargará á empresa responsable da elaboración dos recibos a bonificación para aplicar no primeiro bimestre que resulte posible ata completar o importe total. O obxectivo do goberno local é comezar a aplicalas leste mesmo ano.
Doutra banda, o departamento de Servizos Sociais segue reforzando o Fondo de Emerxencia Social, que atende a 300 familias, incrementando o investimento neste departamento ata os 40.000 euros e coa previsión de aumentalo ata os 70.000 euros, máis do dobre do gastado no 2019.
O Concello xa inxectou a este servizo 6.700 euros procedentes do orzamento de festas e teñen previsto engadir agora outros 7.500 euros que se aprobarán na próxima comisión de Facenda. "O departamento conta con cartos suficientes para continuar dando resposta ás necesidades daquelas familias que cumpren co establecido nos informes técnicos á hora de optar a estas axudas", declara a concelleira Rosa Fernández.