Poio abre o prazo para solicitar a devolución da taxa do lixo ás empresas que cesaron a súa actividade no estado de alarma
Por Redacción
O Concello de Poio abre o prazo de presentación de solicitudes para obter a bonificación do 100 % da taxa de recollida de lixo. Trátase dunha iniciativa impulsada polo goberno local dirixida a aqueles negocios que se viron na obrigación de cesar a súa actividade profesional durante o estado de alarma.
O concelleiro de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, indica que “todos os interesados teñen agora un prazo de 30 días naturais". Os formularios están ao dispor dos veciños na páxina web do Concello. Ademais de cumprimentar o documento, os solicitantes deben achegar o último recibo da taxa, así como a resolución de Industria sobre o expediente de regulación de emprego para suspender ou reducir os contratos e unha copia do informe de vida laboral que acredite o cesamento de actividade.
Esta medida forma parte do paquete de actuacións impulsado nos ultimos meses polo Concello co obxectivo de axudar a paliar os efectivos negativos que o estado de alarma tivo para a actividade empresarial do municipio.
Unha vez comprobadas as solicitudes farase públio a listaxe de contribuíntes que cumpren e darase un prazo de cinco días aos excluídos para presentar alegacións.
"Tras completarse o listado definitivo de beneficiarios, darase traslado á empresa responsable da confección dos recibos, aos efectos de aplicar a bonificación no primeiro bimestre que resulte posible ate completar o importe total, aplicándose en bimestres sucesivos cando así resulte necesario, ata igualar o importe total", conclúe Barreiro.