A UVigo recibe os seus alumnos con sesións informativas sobre as medidas fronte á Covid e entrega de máscaras
Por Redacción
Desde este luns e ata o inicio das clases do curso 2020-2021 nunha semana, o vindeiro luns 21 de setembro, as facultades do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo están a celebrar actos de benvida aos novos alumnos nos que se aproveita para ofrecer toda a información relativa ao protocolo de seguridade fronte á Covid.
Este novo alumnado recibe de modo totalmente gratuíto unha máscara hixiénica reutilizable. Para o resto da comunidade universitaria, atendendo ás recomendacións sanitarias vixentes e co fin de evitar a formación de colas nas conserxerías, o reparto será progresivo. Deste xeito, o PDI e o PAS poderá recollelas a partir do martes 15 de setembro. Mentres, os días 21 e 22 de setembro poderá pasar a pola súa máscara o alumnado de 2º curso; o día 23 o de 3º, o 24 o de 4º e o día 28 os estudantes de mestrado e doutoramento.
A Facultade de Fisioterapia foi este luns o primeiro centro en recibir ao seu novo alumnado, nun acto no que participou o equipo decanal e a coordinadora de relacións internacionais da facultade. Divididos en dúas quendas, os novos estudantes recibiron información xeral sobre o funcionamento da facultade e a titulación, así como da oferta formativa do Centro de Linguas. Tras darlles a benvida "a un curso con características especiais, que esperamos que se noten o menos posible na vosa formación", a decana, Eva María Lantarón, lembroulles que o centro estableceu unha serie de medidas "para que as clases sexan o máis seguras posibles", instándoos, como "futuros profesionais da saúde, a velar pola vosa saúde e a dos vosos compañeiros".
Divididos en tres quendas, tamén este luns os novos alumnos de Belas Artes puideron coñecer a que será a súa facultade, nun acto que contou coas intervencións do equipo decanal, a vicerreitora Natalia Caparrini e representantes da Delegación do Alumnado. Neste, o estudantado recibiu información do grao, a facultade, o portal da Universidade, a biblioteca e os diferentes servizos da institución académica, antes de realizar un percorrido polos talleres do centro. "Este é un momento moi emocionante para vós, malia estas circunstancias tan especiais, porque pasar pola universidade é unha experiencia que supera con creces á meramente académica", trasladoulles o decano, Xosé Manuel Buxán.
Así mesmo, tamén a Escola Universitaria de Enfermaría celebrou este luns un acto de benvida presencial, mentres que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte farao o mércores 16 de xeito virtual. Tamén online se realizará a benvida ao novo alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o vindeiro luns 21 de setembro. Nesa mesma data, a Escola de Enxeñaría Forestal do Campus da Xunqueira fará o seu correspondente acto de xeito presencial.
Relacionadas:
-
Ciencias da Educación e do Deporte e un curso de Publicidade pasan á docencia virtual tras a detección de positivos
Por Redacción |
-
Fisioterapia e Belas Artes, as primeiras facultades do campus en facer PCR ao alumnado
Por Redacción |
-
Primeiro día de curso en Ciencias Sociais con máscaras e unha exposición coa creatividade do alumnado
Por Redacción |
-
A 'Universidade sénior' adapta as súas aulas no Campus de Pontevedra para manter as clases presenciais
Por Redacción |
-
Os universitarios regresan ao campus seis meses despois do inicio da pandemia
Por Redacción |
-
O curso arrancará na Universidade de Vigo coa estrea dun novo portal de teledocencia
Por Oskar Viéitez |
-
Docencia 100% presencial en 3 graos e 5 mestrados do Campus de Pontevedra ao inicio do vindeiro curso
Por Oskar Viéitez |