Paso á fronte do Concello de Caldas na compra de material de seguridade para unha volta ao cole segura
Por Redacción
O Concello de Caldas dá un paso á fronte na organización da volta ao cole. Despois de que o equipo de goberno mantivese encontros coas Anpas, directivas dos centros educativos e coas familias acordaron participar de forma activa na planificación da posta en marcha do curso ante a "desidia" por parte da Xunta, que "fixo que desde o Concello tivésemos que asumir funcións e encarganos de labores que nada teñen que ver coa competencia municipal", declarou o alcalde Juan Manuel Rey.
Por iso, desde o goberno local decidiron adoptar unha serie de medidas para favorecer o inicio do curso e que sexa o máis seguro posible. Entre estas medidas está o incremento de horas de actividade das empresas encargadas da limpeza dos centros de primaria e as unitarias. Ademais, as Anpas ofrecéronse a colaborar con persoal de apoio para o comedor e a limpeza.
Así mesmo, o Concello adquiriu 2.500 esprais individuais recargables de xel desinfectante que entregará a cada estudante para que forme parte do material escolar de uso diario. Ademais entregaron unha importante partida de máscaras para os fillos de familias con dificultades económicas e tamén prestarán axuda a aqueles escolares que por causas médicas precisen elementos de protección facial específicos. Cada un dos centros educativos recibiu tamén un bidón de hidrogel.
Doutra banda, o rexedor ordenou a desinfección periódica por parte de Protección Civil da contorna dos centros escolares e cedeu o uso do pavillón do CPI Alfonso VII para facilitar as quendas do comedor escolar e garantir a distancia de seguridade entre estudantes.
"Trátanse dunhas medidas moi necesarias coas que queremos axudar á comunidade educativa neste escenario de tanta incerteza", declarou o alcalde Rey, consciente de que "estas accións extraordinarias terán un custo moi importante para as arcas municipais que aínda non podemos cuantificar". Por iso pide á Xunta que cumpra coas súas competencias e faga unha repartición xusto aos concellos dos preto de 100 millóns de euros que lle entregou o Estado para o inicio do curso.
Pola súa banda, o concelleiro de Educación, Jacobo Pérez, sinalou que "para o goberno municipal a educación é unha prioridade e por iso non dubidamos en cumprir coas solicitudes dos colexios".