Incautan medio quilo de heroína e 50 quilos de vieiras con toxina na Autovía de O Salnés
Por Redacción
Día atarefado o da Garda Civil. Un control rutineiro do Grupo Rural de Seguridade número 7, situado na Autovía de O Salnés, primeiro ao seu paso polo término municipal de Meis e posteriormente polo de Sanxenxo, permitiu a detención de catro persoas, dúas delas por un delito de tráfico de drogas e outras dúas, por un delito de comercialización ilegal de marisco.
En concreto, os axentes detiveron a J.A.S.G., de 33 anos de idade e veciño de O Porriño, e a J.C.G.G., de 38 anos e que pese a ser de orixe alemá reside en Vigo. Ambos ían a bordo dun turismo marca Volvo. Antes de deterse no control policial arroxaron un paquete polo portelo que foi localizado polos axentes. Segundo a Garda Civil tratábase dun envoltorio precintado con cinta de embalar de cor marrón e en cuxo interior contiña máis de 500 gramos de heroína.
O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados fíxose cargo dos detidos que foron conducidos ás dependencias oficiais para a instrución das correspondentes dilixencias. Ambos detidos, que teñen antecedentes policiais, foron trasladados ao Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, que decretou o seu ingreso en prisión.
50 quilos de vieiras con toxina
Noutro punto do mesmo control, neste caso en Sanxenxo, a Garda Civil detivo á D.E.M.V., de 29 anos de idade e veciño de O Ferrol e a H.M.F.B., de 32 e cuxa residencia está fixada en Narón (A Coruña) por un delito de comercialización ilegal de marisco. Ambos viaxaban nun Renault Scenic no que transportaban 50 kilogramos de vieiras das que non puideron xustificar a súa procedencia nin pasar o correspondente control sanitario.
Ao lugar da detención trasladouse unha patrulla do Seprona de Vilagarcía de Arousa, que procedeu á incautación da mercancía e do vehículo, así como os distintos utensilios para a extracción do marisco que portaban ambos detidos. Analizadas as vieiras incautadas deron resultado positivo en toxinas.
Os dous detidos, que tamén contan con antecedentes policiais previos, pasarán a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 1 de Cambados.