Caldas reserva 20.000 euros para apoiar a organización de eventos deportivos e culturais
Por Redacción
O Concello de Caldas mantén aberto o prazo para solicitar subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e deportivas. O orzamento é de 20.000 euros a repartir entre cada un dos beneficiarios ata un máximo de 3.000 euros.
As entidades poden solicitar estas axudas, no caso do deporte, para gastos de organización de actividades deportivas ou relacionadas coa promoción do deporte. Mentres que no ámbito cultural, dedícanse a actividades relacionadas co achegamento á comunidade das artes plásticas, a literatura, o teatro, a música ou a divulgación das ciencias. O prazo que se terá en conta para a realización destas actividades será entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro e o prazo de presentación de solicitudes conclúe o día 9 de outubro.
Entre a documentación para presentar debe incluírse unha memoria explicativa da actividade e un orzamento detallado. O órgano encargado de examinar as solicitudes valorará o interese xeral do proxecto no ámbito municipal, o grao de coordinación e o compromiso de colaboración cos programas municipais ou o número de persoas que participan no proxecto.