Un barco bateeiro afúndese no porto de Bueu
Por Oskar Viéitez
O Portela 1 xa dera varios sustos no pasado, pero este martes cumpriu as súas anteriores ameazas afundíndose por completo no porto de Bueu. O accidente desta embarcación auxiliar de bateeiro iniciouse cunha escora a babor. De xeito gradual empezou a entrar a auga no interior ata somerxer o barco cual submarino.
Nun principio descártase que exista vía de auga ningunha, pero haberá que esperar a que se inspeccione o barco, unha vez que sexa reflotado. Os mariñeiros máis veteranos relacionan este incidente coas mareas vivas destes días, apuntan que o barco puido quedar enganchado contra as paredes do peirao e que o mar aproveitase para entrar.
Outro factor que puido afectar é o forte vento que puido agravar a escora do barco.
O Portela 1 é un vello barco de madeira que levaba tempo amarrado despois de que o seu propietario tivese vendido a batea hai un par de anos.