O concurso de ideas para deseñar o futuro mercado de abastos de Sanxenxo recibe 63 propostas
Por Redacción
O deseño do novo mercado de abastos de Sanxenxo sairá dunha das 63 propostas presentadas ao concurso de ideas convocado polo Concello de en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia. En total, ao consistorio chegaron 67 ofertas, pero catro delas quedaron excluídas, tres por revelar a identidade do autor e unha por presentala fóra de prazo. O proxecto contempla a construción dun edificio de cinco plantas e dous sotos, así como o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes. O orzamento é de 4.512.329 euros.
"Estamos moi satisfeitos co número de ofertas presentadas e porque estamos vendo que ou interese polas obras de Sanxenxo é crecente”, asegura o alcalde Telmo Martín.
O seguinte paso será a conformación do xurado que estará presidido polo rexedor e no que actuarán como vogais, a concelleira de Urbanismo de Sanxenxo, Flavia Bicada; un arquitecto designado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia; un representante arquitecto designado polo Colexio de Arquitectos de Galicia; o arquitecto municipal e un arquitecto resultado da proposta dos propios concursantes. Ademais, un empregado público do Concello, nomeado polo goberno local, actuará como secretario, con voz, pero sen voto.
A Sala Nauta acollerá nos próximos días os paneis coas 63 propostas presentadas para a súa análise de forma exclusiva por parte dos membros do xurado. A maiores enviaráselles unha copia de todos os arquivos enviados polos concursantes, identificados cos lemas, para non identificar os autores do proxecto. O primeiro premio está dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse ata catro accésits de 500 euros cada un.
A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.
Relacionadas:
-
O concurso para deseñar o novo mercado de abastos de Sanxenxo ten 17 finalistas
Por Redacción |
-
O xurado do concurso do Mercado de abastos de Sanxenxo visualiza as 60 propostas
Por Redacción |
-
Sanxenxo recibe máis de 50 propostas para deseñar o novo mercado de abastos
Por Redacción |
-
Sanxenxo repartirá 31.000 euros en premios no concurso de ideas da Praza de Abastos
Por Redacción |
-
O novo mercado de abastos de Sanxenxo xurdirá dun concurso de ideas
Por Redacción |