Marín lembra nun vídeo a historia da Danza de Espadas
Por Redacción
Este ano a situación sanitaria impide aos marinenses celebrar o día de San Miguel como ben merece.
A súa Danza de Espadas non poderá saír por responsabilidade e sentidiño, pero para honrar as tradicións locais, o Concello ven de compartir nas redes sociais un vídeo que fala deste costume tan rico e arraigado no pobo, da man dos danzantes e do Padroado.
A Festa de San Miguel e a Danza de Espadas celébranse en Marín desde o ano 1639 como proba de devoción, segundo figura no libro de contas da Confraría de Mareantes da localidade.
A súa singularidade, así como o seu arraigamento e valor cultural, foron os criterios que se tiveron en conta á hora do recoñecemento oficial como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo no ano 2010.