A compostaxe revélase coma un importante nicho de emprego con moitas saídas
Por Redacción
O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra está a difundir a súa experiencia sobre a compostaxe comunitaria entre as persoas participantes do curso de Mestría en Compostaxe promovido por Amigos da Terra e financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Fondo Social Europeo dentro do programa 'Emprega Verde'.
Unha das mestras composteiras da Deputación, Beatriz Fernández Lorenzo, será a encargada da visita presencial aos centros de compostaxe comunitaria existentes en Caldas de Reis e de supervisar as prácticas que se realizarán alí o vindeiro luns.
O Curso de Mestría en Compostaxe está promovido pola asociación ecoloxista Amigos da Terra, ten como intención formar a persoas técnicas especializadas en compostaxe de residuos orgánicos, especialmente persoas en situación de desemprego e preferentemente mulleres de menos de 35 e máis de 45 anos co fin de achegar saídas laborais. Forma parte dos seis ciclos que se están a realizar entre Madrid (2) e Galicia (1 por provincia), e neste caso trátase da edición destinada á área de Foz e Viveiro.
O obxectivo xeral dos cursos é formar a persoas e preparalas tecnicamente para os próximos anos, nos que os municipios terán que separar a fracción orgánica dos seus residuos municipais e xestionalos principalmente mediante compostaxe. A temática dos cursos aborda o ciclo completo da xestión do lixo orgánico de forma que o persoal técnico poida realizar labores como poñer en marcha programas de compostaxe individual, facer promoción e campañas educativas, xestionar iniciativas de agro-compostaxe, centros de compostaxe comunitaria ou realizar labores auxiliares en plantas de compostaxe.
A implicación do Plan Revitaliza da Deputación nestas xornadas vén dada pola súa política de xeración de emprego local. Hai que lembrar que o plan provincial é un modelo de xestión do lixo baseado na proximidade e na economía circular que aposta polo coñecemento técnico máis que por utilizar alta tecnoloxía, o que significa que a Deputación aposta máis pola contratación de persoal local que polo investimento en maquinaria, co que iso supón para a xeración e dinamización local do emprego e o asentamento no rural, en moitos casos.
En canto á formación, e ante a ausencia de persoal técnico cualificado a Deputación puxo en marcha a 'Facultade da Compostaxe', un curso de formación especializado en compostaxe e homologado pola Universidade de Vigo que xa leva varias edicións, no que se formou a práctica totalidade da xente que despois foi contratada para o propio Revitaliza, con profesorado galego, do resto do estado español e tamén internacional, cos máis punteiros especialistas na materia.
En canto á xeración de emprego, o Revitaliza realizou ata o de agora 74 contratos de becarios ou en prácticas (en catro edicións), contratou a 20 interinos por execución de programa, e facilitou a contratación de 27 interinxs nos concellos da provincia.
A partir da formación adquirida na 'Facultade da Compostaxe', o persoal técnico da Deputación está a formar a outras persoas, como neste ciclo de cursos de Amigos da Terra. Tamén se fan labores divulgativas de colaboración con outros países, como é o caso de Illa de Príncipe, que quere replicar o modelo pontevedrés e precisa persoal formado, polo que gora mesmo están en Pontevedra 4 persoas da illa africana que terán 2 meses de aprendizaxe.
O Revitaliza, pois, ademais de apostar por un modelo sustentable de xestión de lixo está a potenciar un nicho de emprego que vai ter moita saída dadas as indicacións en materia de medio ambiente e sustentabilidade da Axenda 2030 e das obrigas da UE en materia de tratamento de lixo.
Relacionadas:
-
Vilaboa, O Grove e Mondariz Balneario, exemplos para toda España de boa xestión de compostaxe
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza inicia o curso nos centros de ensino
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas contrata a unha mestra e un arquitecto baixo o programa de emprego da Deputación
Por Redacción |
-
Recollen máis de 120 toneladas de residuos orgánicos a través do sistema de compostaxe domiciliaria
Por Redacción |
-
Clase práctica sobre compostaxe para dez alumnas na busca de emprego
Por Redacción |
-
As illas do chocolate renuncian ao fertilizante sintético e copian o sistema de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os concellos na fase 2 do Plan Revitaliza poderán cumprir este ano cos obxectivos de reciclaxe da Unión Europea
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |