Novos atascos en Leborei debido á presenza de camións nunha vía estreita
Por Anxo Lourido
"Todos os días temos problemas" alertan desde a asociación O Chedeiro de Cerponzóns. E un deses días foi este martes 6 de outubro cando catro camións avanzaron pola vía que une a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a de Santiago (Nacional 550) ao seu paso por Leborei, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
Estes camións utilizaban o tramo coma se tratásese dunha zona de circunvalación pero ao chegar á zona máis estreita os condutores se viron obrigados a retroceder porque a anchura desta vía non permite o seu paso. Desta forma, tiveron que manobrar con dificultades e dar marcha atrás para poder saír desta pequena pista.
A veciñanza xa reclamou ao Concello de Pontevedra algunha solución para evitar este tipo de situacións que se repiten con frecuencia. Afirman que, cando se rexistra un destes casos, os habitantes da zona se atopan bloqueados e non poden saír cos seus vehículos das súas vivendas ata que se resolve o problema.
Os afectados solicitan que se instalen sinais de advertencia para estes vehículos de grandes dimensións nos que figure o tamaño do trazado, de maneira que se evite o paso dos camións por este camiño veciñal que soporta un importante fluxo de tráfico con risco tanto para peóns como para outros vehículos.