Unha festa na Illa das Esculturas porá fin a unhas Ludotecas de Verán nas que participaron máis de 1.300 nenos
Por Redacción
Máis de 1.300 rapaces pontevedreses participaron durante os meses de xullo e agosto no programa Ludotecas de Verán, unha iniciativa da Federación de Nais e Pais (FANPA) e o Concello de Pontevedra. As actividades celebráronse en oito centros educativos da cidade: CEIP Campolongo, CEIP Praza de Barcelos, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Marcos da Portela, CEIP Xeve, CEIP Vilaverde, CEIP Cabanas e CEIP Pontesampaio.
Neste programa, os participantes da zona urbana, realizaron unha viaxe polo mundo acompañados de Willy Fogg, onde realizaron actividades típicas de cada país. Pizza en Italia, a Torre Eiffel en Francia ou unha festa de disfraces no carnaval de Brasil son algunhas das actividades que levaron a cabo.
Na zona do rural visitoulles un científico tolo, co que os nenos e nenas aprenderon a realizar diferentes experimentos como un volcán ou a maneira de fritir un ovo sen lume. Ademais fixeron plantacións e cada rapaz levou para a súa casa unha leituga que eles mesmos cultivaron.
As Ludotecas de Verán finalizarán o 30 de agosto cunha festa de clausura que terá lugar na Illa das Esculturas. Os nenos participarán nunha xornada de xogos e actividades no parque, dende as 9.00 ata as 13.00 horas. Ao seu remate están invitados todos aqueles que queiran ver o traballo destes nenos e nenas durante o verán, unha festa onde personaxes como Willy Fogg e o científico tolo non faltarán, ademais dalgunha outra sorpresa que se está a preparar.