Sanxenxo recibiu durante a ponte do Pilar visitantes de 36 provincias españolas
Por Oskar Viéitez
Sanxenxo recibiu a pasada ponte do Pilar a visitantes de polo menos 36 provincias españolas. Un escáner lector de matrículas, a nova ferramenta de traballo da Policía Local, permitiu coñecer, entre outros datos, a orixe das persoas que acudiron ao municipio durante o período vacacional e comprobar o tirón turístico de Sanxenxo fóra da tempada estival.
Os controis realizáronse a distintas horas nas dúas entradas principais ao municipio pola PO-308 e a saída da autovía durante as primeiras xornadas da ponte. A pesar da suspensión da Festa do Marisco do Grove, un importante revulsivo económico para a comarca, e a situación sanitaria no país, Sanxenxo recibiu nestes días a veciños de distintos puntos da xeografía española e mesmo da capital das Illas Canarias e de Tenerife.
A maioría dos visitantes desta ponte do Pilar foron galegos. Un total de 807 vehículos procedentes da Coruña, Lugo, Ourense e distintos puntos da provincia de Pontevedra foron interceptados polos escáneres nas entradas ao municipio. De distintos puntos de Madrid desprazáronse 64 coches a Sanxenxo. Todos procedentes de localidades de Madrid que non estaban sometidas a confinamento. O municipio tamén recibiu visitantes do País Vasco, concretamente, das provincias de Guipúscoa, Biscaia e Áraba.
O bo tempo acompañou as tres xornadas da Ponte do Pilar en Sanxenxo, un factor que animou aos desprazamentos desde León, Valladolid, Cantabria, Asturias, A Rioxa, Huesca, pero tamén de Córdoba, Granada, Murcia, Almería e Cádiz onde a climatoloxía non é un factor determinante para estes visitantes.
En definitiva, os escáneres da Policía Local, que non estiveron as 24 horas do día, interceptaron un alto nivel de visitantes de distintos puntos de España e que "demostra que Sanxenxo ten interese turístico tamén ademais de sol e praia", salientan dende o Concello.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo, o número de visitantes reflectiuse nos hoteis que permaneceron abertos durante esta ponte, ao redor de 35 establecementos, nos que se alcanzou practicamente o 100% nos de catro estrelas e un 60% no resto.
A estes aloxamentos hai que sumar os apartamentos turísticos dispoñibles e os bos datos no consumo hostaleiro para o balance de cifras final, así como o papel das segundas residencias. Sanxenxo conta con 11.106 segundas residencias con propietarios de 49 provincias españolas e iso tamén se notou esta ponte.
A pesar da pandemia e á difícil situación, o goberno local asegura que "Sanxenxo mostrou músculo turístico durante esta ponte festiva e convertiuse en refuxio vacacional para miles de visitantes".
Relacionadas:
-
Sanxenxo mantense como o destino turístico favorito de Galicia
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira da provincia en setembro mellorou as previsións e situouse no 30%
Por Oskar Viéitez |
-
As Rías Baixas posiciónanse como destino turístico nun contexto xeneralizado de perda de visitantes
Por Manu Otero |