Miguel Filgueira: "Paréceme unha falta de criterio que a oposición diga que non facemos nada nas parroquias"
Por Diego Espiño
As últimas esixencias do grupo municipal do Partido Popular sobre mellores a realizar nas parroquias pontevedresas recibiu este venres resposta por parte do concelleiro Miguel Filgueira, responsable de cinco delas.
Filgueira criticou a posición dos populares e cualificou de inxustas as súas queixas: "temos ao grupo da oposición moi entretido nas parroquias, paréceme unha falta de criterio que digan que non facemos nada nelas".
Filgueira: "Gustaríame que este énfase no rural o trasladen á Xunta para que fagan as obras pendentes"
O concelleiro, ante esta situación, quixo lanzar ademais unha petición á oposición municipal: "gustaríame que este énfase no rural o trasladen á Xunta para que fagan as obras pendentes, por exemplo as de saneamento".
Segundo defende Filgueira sempre existirán demandas e actuacións a realizar, pero a intención é dar prioridade ás máis urxentes: "o rural é inmenso, temos 800 kilómetros de viais e sempre haberá algo. Esa política é moi sinxela".
PLAN DE MELLORAS NO RURAL
Miguel Filgueira compareceu en rolda de prensa para presentar un plan de melloras en Bora, Mourente, Xeve e Verducido cun presuposto que rolda os 850.000 euros.
As obras, algunhas xa en execución, deben estar rematadas antes de final de ano e céntranse na reparación de camiños, muros, bacheado ou mellora de pluviais.