Un condutor sen carné, sen seguro e coa ITV caducada dá positivo en consumo de cocaína ao volante
Por Redacción
Unha patrulla da Policía Local de Pontevedra interceptou un condutor dun turismo que, cando circulaba pola rúa Eduardo Pondal, fixo o máis parecido a un pleno ao quince en materia de seguridade viaria: unha denuncia cúadruplo.
Os axentes identificaron ao condutor e comprobaron que non podía levar un coche porque tiña en vigor unha perda de vixencia do permiso de condución ao non realizar o curso de sensibilización e reeducación viaria que lle fora imposto por cometer un delito contra a seguridade viaria.
Ademais, o coche tampouco podía estar en circulación porque carecía de seguro e tiña a ITV caducada, segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra.
Cando os axentes o someteron ás probas de alcol e drogas, deu positivo en drogas por consumo de cocaína.