Adxudican a adaptación do alumeado de Meaño para aforrar enerxía
Por Redacción
O Concello de Meaño cambiará as luminarias existentes por unhas novas con tecnoloxía led que cumpren co regulamento de eficiencia enerxética, segundo informa o goberno local.
Adxudicouse o proxecto a Montaxes Eléctricas Salnés por un importe de 163.518 euros logrando unha baixa na adxudicación de 19.900 euros. Á oferta presentáronse seis empresas.
Está previsto que se renoven 522 luminarias con actuación en 15 cadros de mando para adaptalos á normativa vixente. Desde o goberno local indícase que se instalarán iluminacións públicas con tecnoloxía led nos lugares de Viliquín, Altamira, Ponte Dena, Coirón e Morouzos, na parroquia de Dena; Pereiras na parroquia de Meaño; Lores e Freixeiro na parroquia de Lores e Carballoso e O Pazo na parroquia de Xil.
Con estas medidas diminúese a potencia instalada cun aforro enerxético estimado do 59,20% nestas iluminacións en relación ao consumo actual, que repercutirá nun menor custo de enerxía eléctrica para o Concello. Tamén se reducirá a emisión de CO2 á atmosfera.
Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, considera que esta adaptación supón unha importante aposta por investir no aforro enerxético e por reducir a contaminación.