A xuízo por agredir e violar á súa parella: a Fiscalía pide 11 anos de prisión e seis de liberdade vixiada
Por Redacción
Un home sentará o vindeiro martes 27 de outubro no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial para ser xulgado por agredir e violar á súa parella no domicilio que ambos compartían, situado no partido xudicial do Porriño.
O acusado xa fora condenado en 2016 por agresión sexual e agora enfróntase a unha petición de condena por parte da Fiscalía de Pontevedra de once anos e catro meses de prisión e seis de liberdade vixiada.
Os feitos ocorreron na madrugada do 18 de novembro de 2018. Todo empezou ás portas dun bar, cando o acusado iniciou unha forte discusión coa súa parella e, no transcurso da msma, golpeouna, agarrándoa do pelo e rabuñándolle a cara.
Horas máis tarde, xa no domicilio, a parella volveu discutir porque a muller comunicoulle que quería irse de casa. Nese momento, o home agarrou á vítima polo pescozo e apertouno, ameazándoa con que "te voy a matar antes de que te vayas y tendré motivos para ir a prisión".
Segundo o relato dos feitos realizado pola Fiscalía no seu escrito de acusación, a muller negouse a manter relacións sexuais con el e o acusado reaccionou de forma violenta. Tras coller unha corda fina e situarse sobre ela para dificultar os seus movementos, atoulle as mans. A pesar da resistencia da súa parella, consumou a violación.
No seu escrito, a Fiscalía solicita que a vítima declare mediante videoconferencia desde outra sala diferente para evitar o contacto visual e físico co acusado.
A Fiscalía considera que o acusado é autor dun delito de violación polo que solicita que sexa condenado a dez anos de prisión e de dous delitos de violencia de xénero polo qu epide que se lle impoñan un ano e catro meses.
Ademais, o fiscal reclama que se lle impoña ao acusado unha orde de afastamento e a prohibición de portar armas e que indemnice á vítima con 10.245 euros por danos morais e o tempo de curación das lesións que sufriu.