Caldas amplía o cemiterio municipal de Eirín para cubrir a crecente demanda
Por Redacción
Ata trinta novos nichos e dez columbarios vén de incorporar o Concello de Caldas ao cemiterio municipal de Eirís, na parroquia de Santa María, tras completar unhas obras de ampliación nas que se investiron algo máis de 47.000 euros.
O aumento, destaca o goberno municipal, abordouse tras avaliar a demanda existente para o camposanto. É a terceira ampliación que se fai nos últimos anos e "probablemente o ano próximo tratemos de amplialo aínda máis", asegurou o alcalde, Juan Manuel Rey.
Os interesados xa pode solicitar no Concello a concesión dos novos nichos e cinceiros.
O concelleiro de Obras, Manuel González, que acompañou ao rexedor na visita ás obras, explicou que este era un proxecto "pendente dende hai algún tempo" e que agora se materializou para dar resposta ás demandas veciñais.
PROTOCOLO PARA O DÍA DE DEFUNTOS
O goberno municipal informou ademais dos traballos especiais de limpeza e desinfección que se farán nos camposantos municipais co obxecto de garantir a máxima seguridade de veciños e visitantes fronte o coronavirus nas festividades de Todos os Santos e no Día de Defuntos.
Así mesmo, a Policía Local encargarase de vixiar e facer cumprir os protocolos de prevención establecidos pola Dirección Xeral de Sanidade da Xunta para estas xornadas.
Ante a previsible afluencia de xente, moitas delas persoas vulnerables, o Concello solicita a máxima responsabilidade e prudencia de todos e todas para evitar posibles contaxios.
O protocolo establece que se debe evitar o contacto físico e manter a distancia de seguridade interpersoal de, polo menos 1,5 metros e empregar sempre a máscara. Non haberá misas de campaña nos cemiterios e establécese un máximo de catro persoas por grupo de visitas, que non poderán estar nas instalacións máis de media hora.