O BNG entrega en Cerdedo-Cotobade alegacións contra a mina Alberta
Por Redacción
O BNG, a través do seu deputado Luís Bará e o portavoz municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade, participaron este venres na entrega de alegacións en contra da mina de Seixo-Suido que afecta tamén aos concellos de Avión, Beariz, A Lama e Forcarei.
As alegacións, cuxa entrega tivo lugar na casa do concello de Cerdedo e foron impulsadas pola Plataforma contra a mina Alberta, esixen a realización dun estudo de impacto ambiental e que haxa máxima participación, información e transparencia respecto diso deste proxecto que terá un forte impacto no territorio, o medio ambiente, a calidade de vida e nas actividades económicas da zona.
Estas mesmas medidas xa foron reclamadas polos nacionalistas no Parlamento Galego, pero o goberno rexeitounas.
Os nacionalistas manifestaron a súa preocupación pola posible contaminación dos afluentes do Lérez, o Miño ou o Verdugo así como que o tráfico aos portos sexa por Soutelo, Cerdedo-Cotobade ou A Lama.
Recalca Bará que o seu partido está a defender os intereses dos veciños dos concellos afectados e acusa á Xunta de posicionarse ao lado dunha empresa que só busca o seu beneficio.